• Estación Hidrobioloxía "Encoro do Con" Estación Hidrobioloxía "Encoro do Con"
  • O proxecto Migranet inicia os traballos de campo para o estudo de peixes migradores no suroeste europeo

    Pulicada: 02/05/2011

    Os investigadores delimitaron zonas de estudo nos ríos Ulla e Umia onde comezarán diversas campañas de mostraxe

    Investigadores de Francia, Portugal e España, baixo a coordinación da Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro de Con’ da USC, seguen a progresar no desenvolvemento do proxecto europeo que vai establecer un observatorio das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo. Trátase do proxecto Migranet que cofinancia o Programa Interreg IV B-SUDOE, con fondos FEDER da UE.
     
    A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro de Con’ en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza delimitou zonas de estudo nos ríos Ulla e Umia onde comezarán diversas campañas de mostraxe e a instalación de equipamentos de captura e reconto de peixes migradores. Deste xeito, delimitouse unha rede de control e rexistro a longo prazo dos parámetros biolóxicos das poboacións de peixes migradores nos ríos de estudo, Umia e Ulla en Galicia, río Nivelle en Aquitaine (Francia) e o tramo internacional do río Miño na rexión norte de Portugal. Asemade, creouse un depósito bibliográfico relativo aos medios acuáticos e aos peixes migradores das áreas de estudo e organizáronse grupos de traballo locais.
     
    Próximas accións
    Entre as próximas accións previstas destacan a realización de inventarios do hábitat, o emprazamento de infraestruturas para a captura de peixes migradores e a celebración dunhas xornadas técnicas de información dirixidas a diversos colectivos e grupos de interese. As actividades e resultados do proxecto divulgaranse, entre outros medios, a través da propia páxina web do proxecto (http://www.migranet.org.es), que actualmente se atopa en construción e que estará operativa a partir do mes de maio.
     
    O obxecto do proxecto MIGRANET é configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do sudoeste europeo.

     As entidades participantes son a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” como beneficiaria principal do proxecto, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal, o Institut National de la Recherche Agronomique, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto e o Aquamuseu do río Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira como asociado ao proxecto.

 

Nº Visitas: 1163238