O proxecto europeo Migranet, coordinado pola USC, estudará as poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo

Pulicada: 03/02/2011

Investigadores de Francia, Portugal e España traballarán de xeito conxunto na creación e posta en marcha dun observatorio das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo. Será no marco do proxecto Migranet, coordinado pola USC e cofinanciado polo Programa Interreg IV B-SUDOE, con fondos FEDER da UE.

 

As principais características deste proxecto presentáronas este mércores 2 en rolda de prensa o director da Estación de Hidrobioloxía Encoro do Con e coordinador do proxecto, Fernando Cobo, e o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil. Ao acto asistiron tamén o subdirector xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas da Xunta de Galicia, Emilio Rosa; o investigador do Institut National de la Recherche Agronomique (INRA), Etiene Prevost; e o presidente da dirección do Centro Interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental (CIIMAR), João José Oliveira.

 

O proxecto, cun orzamento total de 824.827 euros cofinanciado ao 75 por cento con cargo a fondos FEDER, estenderase ao longo dos vindeiros dous anos co obxectivo principal de contribuír á conservación e recuperación das especies de peixes migradores e do seus hábitats, a partir dun mellor coñecemento compartido da súa situación real.

 

A posta en marcha do proxecto comezou a comezos de ano, e da un paso máis coa celebración este mesmo mércores no Colexio de San Xerome das primeiras xuntanzas das estruturas de coordinación e xestión do proxecto, o Comité Coordinador e o Científico Técnico. A seguinte fase será a posta en marcha dunha rede de control formada por varios ríos en Galicia (Umia e Ulla), Portugal (o tramo internacional do Miño) e en Francia (Nivelle).

 

Rede de control internacional
A rede, con indicadores comúns nos distintos países, estudará os datos relativos ás poboacións de lamprea, anguía, sáibao, saboga, salmón e a forma migradora da troita común. Co tratamento da información recadada, o proxecto prevé o establecemento de directrices conxuntas para a explotación sustentable dun recurso de gran relevancia económica e social no territorio SUDOE.
  

A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro de Con’ será o centro encargado de liderar a iniciativa, na que a USC participa conxuntamente con catro socios máis distribuídos entre España, Francia e Portugal, como son a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), o Institut National de la Recherche Agronomique e o departamento de ecofisioloxía do Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade de Porto. Ademais, e como entidade asociada, tamén participa o Aquamuseu do Río Minho da Cámara Municipal de Vila Nova da Cerveira, que colaborará en determinadas fases do proxecto.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *