O proxecto Migranet inicia os traballos de campo para o estudo de peixes migradores no suroeste europeo

Pulicada: 02/05/2011

Os investigadores delimitaron zonas de estudo nos ríos Ulla e Umia onde comezarán diversas campañas de mostraxe

Investigadores de Francia, Portugal e España, baixo a coordinación da Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro de Con’ da USC, seguen a progresar no desenvolvemento do proxecto europeo que vai establecer un observatorio das poboacións de peixes migradores no espazo do suroeste europeo. Trátase do proxecto Migranet que cofinancia o Programa Interreg IV B-SUDOE, con fondos FEDER da UE.

 

A Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro de Con’ en colaboración coa Dirección Xeral de Conservación da Natureza delimitou zonas de estudo nos ríos Ulla e Umia onde comezarán diversas campañas de mostraxe e a instalación de equipamentos de captura e reconto de peixes migradores. Deste xeito, delimitouse unha rede de control e rexistro a longo prazo dos parámetros biolóxicos das poboacións de peixes migradores nos ríos de estudo, Umia e Ulla en Galicia, río Nivelle en Aquitaine (Francia) e o tramo internacional do río Miño na rexión norte de Portugal. Asemade, creouse un depósito bibliográfico relativo aos medios acuáticos e aos peixes migradores das áreas de estudo e organizáronse grupos de traballo locais.

 

Próximas accións
Entre as próximas accións previstas destacan a realización de inventarios do hábitat, o emprazamento de infraestruturas para a captura de peixes migradores e a celebración dunhas xornadas técnicas de información dirixidas a diversos colectivos e grupos de interese. As actividades e resultados do proxecto divulgaranse, entre outros medios, a través da propia páxina web do proxecto (https://www.migranet.org.es), que actualmente se atopa en construción e que estará operativa a partir do mes de maio.

 

O obxecto do proxecto MIGRANET é configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do sudoeste europeo.

 As entidades participantes son a Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” como beneficiaria principal do proxecto, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia – Norte de Portugal, o Institut National de la Recherche Agronomique, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto e o Aquamuseu do río Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira como asociado ao proxecto.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *